Inicio
Áreas
Medioambiente
Medioambiente
O Concello de Ames concédelle unha importancia estratéxica á programación das súas accións ambientais destinadas á preservación dos recursos e bens naturais do termo municipal e á xeración de novas actitudes cidadás que permitan un desenvolvemento local perdurable. O compromiso da Corporación Municipal coa xestión ecosocial dos seus recursos exprésase na subscrición da Carta de Aalborg e na implantación da Axenda Local 21.
Axenda 21 Local
No ano 1992, as Nacións Unidas celebraron unha conferencia internacional en Río de Janeiro na que aprobaron un plan global para o Desenvolvemento Sostible. O Desenvolvemento Sostible consiste en satisfacer as necesidades da presente xeración sen comprometer as das seguintes xeracións nin os seus recursos.
Polo tanto, unha Axenda 21 Local é un sistema aberto de xestión municipal no que as autoridades locais traballan coa colaboración de todos os sectores da comunidade local para desenvolver plans de acción, integrando a perspectiva ambiental, económica, social e cultural posibilitando un Concello sostible.
Promoción de rotas e sendas verdes
Crearase un plano de recuperación dos camiños tradicionais e de novos roteiros. Dentro dos programas das "Rotas da auga" e do Proder, encetarase a recuperación a curto prazo da rota de Bertamiráns a Augapesada pola beira do río.
Residuos
A aposta de forma decidida pola compostaxe como método de eliminación e redución de residuos pasa pola entrada en funcionamento dun programa integral do servizo de recollida e tratamento do lixo, viable dende o punto de vista ambiental, económico e xurídico. A contratación dos servizos da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza permitiu que Ames entrase formar parte dun novo xeito de tratar o seu lixo no que a materia orgánica se converte en compost mentres que o resto dos residuos se reciclan na súa maior parte.
Aula da natureza
A Aula da natureza realiza diversas actividades para favorecer a sensibilización cara o coidado do medio e fomentar o coñecemento sobre usos tradicionais do monte e compostaxe no fogar, por exemplo, mediante a organización de actividades como obradoiros, charlas e campañas de temática específica.
Análise da calidade das augas
Na actualidade, realízase unha análise das fontes públicas para determinar a calidade da auga. A elaboración dun inventario de recursos hídricos do Concello de Ames, prevista para 2005, contempla a catalogación de ríos, regatos e augas soterradas.
Enerxía
Colocaranse paneis de enerxía solar na piscina municipal de Bertamiráns e nas instalacións deportivas e, ademais, fomentarase o seu uso nas vivendas particulares.
Protocolo de actuación en relación á recollida de animais abandonados
En días laborais, de luns a venres en horario de 07:45 a 15:00 horas, os veciños de Ames que detecten a presenza dun can abandonado na rúa poden dirixirse para dar o aviso á
Concellería de Medio Ambiente do Concello de Ames. O teléfono de contacto é o
662 377 544.
Fins de semana ou fóra do horario laboral, será o departamento da
Policía Local de Ames quen se encargará de recibir os avisos no número de teléfono
619 767 575.
O servizo de lacería e canceria do Concello de Ames é realizado pola empresa Servigal.