Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Medioambiente Axenda 21 Local


Axenda 21 Local

Parque No ano 1992, as Nacións Unidas celebraron unha conferencia internacional en Río de Janeiro na que aprobaron un plan global para o Desenvolvemento Sostible.

O Desenvolvemento Sostible consiste en satisfacer as necesidades da presente xeración sen comprometer as das seguintes xeracións nin os seus recursos.

Polo tanto, unha Axenda 21 Local é un sistema aberto de xestión municipal no que as autoridades locais traballan coa colaboración de todos os sectores da comunidade local para desenvolver plans de acción, integrando a perspectiva ambiental, económica, social e cultural posibilitando un Concello sostible.

O desenvolvemento dunha Axenda 21 Local precisa dunha serie de pasos:

1. Diagnose. Consiste en avaliar cal é a situación do Concello dende os puntos de vista ambiental, económico e social.

2. Plan de acción. Unha vez determinados os problemas, eivas, oportunidades e puntos fortes débense deseñar as accións a executar para acadar o desexado Desenvolvemento Sostible.

3. Plan de Seguimento. Débense artellar os mecanismos para seguir a evolución e o grao de cumprimento do Plan de Acción, principalmente a través do seguimento de indicadores.

Para que unha Axenda 21 Local acade os seus obxectivos, a poboación do concello pode e debe implicarse en todas as fases. Todos os cidadáns de Ames podemos participar en pé de igualdade (sindicatos, políticos, asociacións, empresarios, colectivos, técnicos municipais, etc.), mediante comisións de traballo, consellos consultivos, foros, participación telemática e xornadas de portas abertas.

Accións que se realizaron

No ano 2006, coa firma da Carta de Aalborg, o Concello de Ames adquire o compromiso de elaborar a súa Axenda 21 Local, sumándose así a outras cidades europeas co fin de acadar un modelo local de desenvolvemento ambiental, social e económico sostible. A través da participación e implicación cidadá, elaborouse a diagnose da situación ambiental, económica e social do concello de Ames, e o correspondente Plan de Acción.

Logo da realización dunha Enquisa á Cidadanía, no marco da fase de seguimento do Plan de Acción, en setembro de 2008 iniciouse unha nova etapa da Axenda 21 Local de Ames que insta aos poderes públicos locais a realizar un proceso de diálogo cos cidadáns, organizacións e entidades considerando, de xeito integrado, o desenvolvemento social, económico e ambiental. Este proceso conta, ademais, coa participación da totalidade das áreas da Administración local e implica abrir unha fase de participación social co fin de establecer unha visión real das aspiracións e necesidades locais en materia de medio ambiente, proceso que se artella a través de Foros de Participación Cidadá, entre outros instrumentos, nos que podes participar de forma presencial nas xuntanzas periódicas programadas, ou ben de xeito virtual por medio do Foro da Axenda 21 Local.

Accións a desenvolver de cara ao futuro

O día 12 de febreiro celebrouse a primeira xuntanza do foro da Axenda 21. O Pazo da Peregrina foi o lugar escollido para levar a cabo dita xuntanza entre diversos representantes de asociacións do concello, técnicos municipais, políticos e cidadáns interesados en participar no foro pola sustentabilidade. Nesta xuntanza decidiuse facer reunións cada tres semanas, que se levarán a cabo os luns ás 20:30 horas, no Pazo da Peregrina, sendo a vindeira xuntanza o día 8 de xuño.

Nestes momentos está aberto o camiño para levar a cabo o Plan de Acción, logo de terse producido a fase de participación veciñal no seu deseño. Se queres obter información ou inscribirte no proxecto só tes que escribirlle un correo ao departamento da Axenda 21 Local.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925