Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Áreas Servizos sociais e... Oficina do...


Oficina do Voluntariado

A Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) organiza as campañas de recollida de roupa, alimentos e xoguetes; realiza o acompañamento de persoas maiores e discapacitadas e presta un servizo de apoio escolar e de actividades complementarias para nenos e nenas en risco de exclusión social.

Actividade dun voluntario Dende que comezou a funcionar en decembro de 2001, máis dun cento de persoas pasaron pola Oficina do Voluntariado de Ames. Os únicos requirimentos precisos para poder formar parte deste servizo son, ademais de posuír un perfil axeitado ás tarefas que se van desempregar, ter a maioría de idade e estar empadroado no concello.

Actividades da Oficina do Voluntariado

Os principais proxectos que desenvolve esta entidade divídense en función dos tres colectivos aos que van dirixidos: a infancia, as persoas discapacitadas e as persoas maiores. Os seus obxectivos específicos son os seguintes:

  • Servir de canle de solidariedade e participación social entre os diferentes individuos e colectivos da poboación amiense.
  • Servir de apoio aos sectores de poboación máis desfavorecidos: maiores, inmigración, infancia, persoas con discapacidade, muller e minorías étnicas.
  • Demandar accións de autoaxuda entre a poboación do concello e dotala de ferramentas axeitadas para fomentar a autoaxuda e os grupos de apoio entre os seus membros.
  • Acadar unha bolsa importante de voluntariado entre a idade adulta e as persoas xubiladas.
  • Garantir o uso do galego en todo o material referente a acción voluntaria, así como nas actividades que se desenvolvan.

Persoas maiores e discapacitadas

Neste proxecto de acompañamento, o voluntariado presta o seu apoio ás persoas maiores ou ás que sofren algún tipo de discapacidade, ben sexa física, síquica ou sensorial. Para iso realízanse actividades coma paseos, conversas, saídas ao parque, lectura da prensa, xestións administrativas (recollida e entrega de receitas, acompañamentos aos centros de saúde, delegación de Facenda, delegación da Seguridade Social…), control da medicación, etc., á vez que serven de respiro para as persoas encargadas habitualmente do seu coidado.

Apoio escolar

Está pensado para nenos e nenas en idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos que teñan algunha problemática social e/ou familiar asociada que repercuta no seu atraso escolar. Este proxecto, ademais de incluír o apoio escolar, tamén pretende aprenderlles aos nenos e nenas a empregar o seu tempo de lecer dunha maneira máis proveitosa, mediante xogos cooperativos, xogos construtivos ou charlas sobre temas de interese e de actualidade.

Escola Integral de Maiores

Esta escola está dirixida a toda a xente de Ames de certa idade que teña ganas de aprender. A escola abrangue desde conceptos básicos de lectoescritura ata apoio para tentar obter o graduado en ESO de maneira excepcional. O obxectivo básico é dotar estas persoas de ferramentas e coñecementos mínimos que as axuden a se desenvolveren dunha maneira máis axeitada na súa vida cotiá.

Este apoio escolar verase reforzado por actividades paralelas, como charlas de interese no campo da saúde, do medio ambiente, saídas culturais e de lecer, etc. Este proxecto leva funcionando desde o ano 2003.

A Escola Integral de Maiores, ao igual que o proxecto de apoio escolar, divídese en dous grupos. Os mércores e os venres impártense as clases na Casa da Cultura do Milladoiro.

Roupeiro municipal

Este proxecto leva funcionando desde o ano 2003 e, en datas recentes, o Concello de Ames deulle un grande pulo ao dotalo dunhas instalacións máis apropiadas e modernas. Localízase no núcleo de Aldea Nova.

Desde que as prendas chegan ao roupeiro municipal, todo o traballo é realizado polo voluntariado, que leva a roupa dos puntos de recollida (Casa da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns) ao roupeiro. Unha vez alí, selecciónanse as prendas que serven para entregar e organízanse por talla e tipo (muller, home, infantil, etc.). Logo, cando un usuario ou usuaria fai unha petición de roupa, o voluntariado ocúpase de facer unha selección entre toda a dispoñible para confeccionar un paquete que se adapte ás características e demandas da persoa solicitante.

Outras actividades

A OVA realiza tamén unha campaña anual de recollida de xoguetes polo Nadal, que non leva ningún tipo de gasto aparellado. Ademais, promove a campaña de recollida de lentes usados e medicamentos para o Sáhara.

A campaña de recollida de lentes abrangue o período entre xaneiro e xullo. Debido á agresiva climatoloxía, ás condicións hixiénicas e á falta de atención médica no Sáhara, as afeccións oculares simples convértense en graves trastornos que poden rematar provocando graves enfermidades oculares á poboación destas latitudes. Esta campaña quere recadar a maior cantidade posible de lentes graduadas e solares, que serán entregadas á presidenta da Asociación de diabéticos de Compostela, Teresa Lord, quen as levará persoalmente ao Sáhara. Este ano tamén se recollerán medicamentos para o mesmo fin.

Inscrición

As persoas interesadas en recibir máis información ou ingresar como voluntarias poden chamar ao teléfono 662 377 044 ou visitar a Oficina do Voluntariado na Casa da Cultura do Milladoiro (luns e mércores de 9:00 a 12:00) ou na Casa da Cultura de Bertamiráns (martes, xoves e venres de 9:00 a 14:00).

Corpo de voluntarios

As persoas que entran a formar parte do servizo ofrecido pola Oficina do Voluntariado gozan dunha serie de dereitos e teñen, por outra banda, obrigas no desenvolvemento do seu traballo.

Dereitos do voluntario

  • Recibir a formación e a orientación precisa.
  • Realizar o traballo nun contorno que lle sexa próximo.
  • Seguro de accidentes e responsabilidade civil.
  • Reembolso de gastos directos durante o desemprego do traballo voluntario.
  • Formar parte dun programa específico e dispoñer dun titor.
  • Participación activa nas actividades da Oficina do Voluntariado.
  • Abandono libre deste servizo.

Obrigas do voluntario


  • Emprego responsable dos recursos de que dispón a Oficina de Voluntariado.
  • Utilización axeitada tanto da acreditación como da vestimenta que o concello pón ao servizo do voluntario.
  • Confidencialidade.
  • Aceptación das directrices elaboradas polo coordenador técnico de servizos.
  • Non aceptación de contraprestacións materiais pola actividade realizada.
  • Asistencias ás sesións de formación e ás reunións convocadas pola Oficina de Voluntariado.
  • Un mínimo de 45 horas laborais anuais.
  • Aviso de renuncia á prestación do servizo cun mes de anticipación.
  • Interrupción da actividade sempre que o solicite o concello e sempre que esta entidade propoña o cese acompañado dunha xustificación.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925