
1 de 2
O equipo de goberno entregoulles aos nenos varios agasallos

2 de 2
Foto de grupo dos nenos, os políticos e as familias
Do Sáhara a Ames pasando por Chernóbil, outro ano máis
[13/07/2007] O Concello de Ames volveu apoiar este ano o programa Vacacións en paz a través do que varios nenos e nenas dos campamentos de refuxiados do Sáhara veñen a Galicia para pasaren unha temporada. O obxectivo é dobre, por unha banda alonxalos das penurias e pola outra darlles atención médica da que non dispoñen no seu lugar de orixe. Nesta ocasión son un neno e unha nena norteafricanos aos que se lles uniu unha rapaza proveniente da zona de Chernóbil, en Ucrania, por medio do programa Ledicia cativa. As nenas son Farah e Irina e este é o segundo ano que pasan en Ames. O neno chámase Mohamed e para el son as primeiras vacacións en paz en terras da Amaía. Este xoves á tarde tanto eles como as súas familias de acollida foron recibidos no Concello pola práctica totalidade do equipo de goberno.
O Concello achegou unha axuda de 1.200 euros por cada un dos dous rapaces saharauís de acordo co convenio que mantén coa Asociación Galega de Axuda ao Sáhara. Farah xa estivera en Ames en 2006 e mesmo coñece o galego. De feito fixo de intérprete durante a recepción para o seu compañeiro de viaxe, Mohamed, que participa no programa
Vacacións en Paz por primeira vez.
O acto de recepción celebrouse ás 20:30 h no salón de sesións do Concello. O equipo de goberno estaba case ao completo e só faltaron o titular de Cultura, Francisco Villaverde e mais o de Obras, Gustavo Nieto, por causa de compromisos previos. Como alcalde, Carlos Fernández exerceu de anfitrión para darlles a benvida oficial tanto aos rapaces procedentes do Sáhara como a Irina Filimonova, unha das moitas nenas da antiga URSS prexudicada polos efectos do escape radiactivo de Chernóbil. Fernández Castro convidou ás nenas e ao neno a que durante a súa estadía en Ames participen nas distintas actividades que organiza o Concello.
A acollida forma parte dunha iniciativa mixta desenvolvida polos departamentos municipais de Benestar social e Educación. As dúas concelleiras destas áreas, Isabel González e Isabel Pereiro, coincidiron en expresar despois do acto a súa esperanza de que a situación no Sáhara "cambie dunha vez por todas, de tal xeito que estes rapaces poidan vir de vacacións libremente e sen necesidade da mediación internacional". Ambas concelleiras engadiron que o caso de Irina "ten tamén unhas connotacións especiais, dado que se trata dunha rapaza que sofre as consecuencias dunha catástrofe e, ademais, no seo dunha sociedade que aínda non se articulou despois da descomposición da antiga Unión Soviética".
Irina, Farah e Mohamed estarán entre nós ata finais de agosto. As dúas primeiras poderán gozar da hospitalidade amiense durante toda a súa estadía, mentres que Mohamed pasará a maior parte do tempo en Asturias, a onde a súa familia de acollida se trasladará para pasar as vacacións.
Durante a recepción o Concello entregoulles aos tres xogos educativos e outros detalles para que teñan máis argumentos cos que encher o seu lecer.
« Somos Ames