Concello de Ames

Logotipo Concello de Ames

Menú [Saltar]


Os membros do xurado reuníronse para elixir aos gañadores
Os membros do xurado reuníronse para elixir aos gañadores

O V Certame Literario xa ten gañadores

[13/05/2008] Os membros do xurado tiveron un duro traballo para elixir aos vencedores da quinta edición do Certame Literario Concello de Ames de entre os 105 traballos presentados. Despois de case un mes lendo os textos, xa podemos coñecer os nomes do gañadores. Os premios entregaranse este sábado nun acto músico-literario coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.

As escritoras Inma López Silva e Anxos Sumai e o poeta Rafa Vilar foron os encargados de decidir cales son os 18 textos premiados no V Certame Literario que convoca o Concello de Ames. Os premios repártense en dúas modalidades, narrativa e poesía, e en cada unha delas hai tres categorías segundo as franxas de idade ás que pertenzan. 105 traballos chegaron ao departamento de Cultura dentro do prazo da convocatoria, que se pechou o 12 de abril. Deles, 55 eran textos de narrativa e 50 de poesía. A procedencia dos textos foi moi variada, e quixeron participar no certame persoas de diferentes puntos de Galicia, sobre todo das cidades da Coruña e Vigo, pero tamén de fóra do país.

En narrativa, o gañador na categoría destinada aos menores de 14 anos foi Xaime Santiago Subiela, de Ames por "Ó fin reunión familiar" e na de 14 a 18 anos Daniel Martínez Mariño, tamén amiense, polo texto "O tempo que nos queda". Na categoría de máis de 18 anos a gañadora foi unha veciña de Rois, Conchi Lago Ces, co traballo "Primeira noite".

En canto á poesía, recibirá o primeiro premio na categoría de menores de 14 anos Nuria Rodríguez Rivas, de Ames, por "O castelo encantado". Na dos 14 aos 18 acadou o primeiro premio Rosa Catarina Piñeiro Fariña, de Ames, por "Memorial de Malditos". O santiagués Alberte Momán Noval foi o gañador na categoría de máis de 18 anos polo poema "Agora".

Todos eles xunto con aqueles que obtiveran o segundo e o terceiro premio nas diferentes categorías e modalidades recibirán a súa recompensa o vindeiro sábado, Día das Letras Galegas, que este ano se celebra en homenaxe a Xosé Manuel Álvarez Blázquez. O acto de entrega terá lugar a partir das 17:30 na Casa da Cultura do Milladoiro e comezará coa actuación dos alumnos da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA. Despois de escoitar varias pezas musicais, os gañadores recollerán os premios e lerán parte dos textos. Para pechar este acto músico-literario volverán actuar os alumnos e alumnas da EMMA.

A decisión do xurado estivo baseada na unanimidade. Rafa Vilar declaraba a súa "satisfacción por participar nesta elección, na que se puxo de manifesto a calidade de moitos textos e o bo nivel de galego".

Na ligazón situada ao remate desta nova podes consultar os nomes dos gañadores, os seus seudónimos e as as súas obras.

A nova noutros medios dixitais:

« Somos Ames



Imprimir | Enviar

© Concello de Ames