A mosca está á entrada do polígono Novo Milladoiro
Unha mosca de media tonelada dá a benvida no polígono do Milladoiro
[24/11/2005] A rotonda de acceso ao polígono industrial do Milladoiro ten unha nova inquilina. É unha esculutra metálica representativa dunha mosca. A obra foi elaborada polos alumnos dun curso de soldadura impartido pola fundación FORGA que rematou hoxe mesmo. No acto de descubrimento da escultura participaron os oito membros do actual equipo de goberno.
A obra xa se pode ver na rotonda de confluencia da rúa das Palmeiras e maila do Muíño Vello. É unha mosca duns 500 quilos de peso deseñada e construida polos alumnos do curso de soldadura do plan FIP impartido na FORGA.
En principio os alumnos e o seu profesor tiveron idea de faceren un polbo, logo unha araña e, por último, decidiron que o mellor era construir unha mosca. O material empregado é aceiro que logo se vernizou para que a escultura aguante ben o paso do tempo.
Hoxe rematou o curso de soldadura e por iso se decidiu que hoxe era o mellor momento para facerlle entrega ao Concello da obra de arte, logo de que a xunta de goberno local aceptase a semana pasada este agasallo.
Antes de que os alumnos erguesen o pano que tapaba a escultura, o alcalde sinalou que a obra era "un monumento á cultura do traballo". Carlos Fernández tamén indicou que o Concello "está orgulloso de que a FORGA e os seus alumnos contasen con nós para entregarnos o froito do seu traballo e esforzo".
Na mesma liña tamén se pronunciou Mercedes García Matos. A delegada territorial da Fundación FORGA expresoulle o seu agradecemento aos alumnos, pero tamén ao Concello "pola súa receptividade para que unha obra feita polos alumnos forme parte para sempre do mobiliario urbano".
O que dín outros medios dixitais desta noticia:
« Somos Ames