Concello de Ames

Logotipo Concello de Ames

Menú [Saltar]


Momento no que o concelleiro de Cultura realizou a presentación do Certame Literario
Momento no que o concelleiro de Cultura realizou a presentación do Certame Literario

Comeza o VI Certame Literario Concello de Ames

[12/03/2009] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns foi o lugar escollido para levar a cabo hoxe ás 12:00 horas a presentación da VI edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. O acto estivo presidido polo concelleiro de Cultura e Deportes, Francisco Villaverde, quen explicou os puntos máis importantes das bases deste certame, así como os obxectivos e proxectos que o Concello pretende levar a cabo no ámbito literario. Como nas edicións anteriores, poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. O tema é libre

A nova edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía foi presentada publicamente esta mañá no Pazo da Peregrina de Bertamiráns da man do concelleiro de Cultura, Francisco Villaverde. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación. Na pasada edición recibíronse máis de 200 traballos.

Ao igual que en anos anteriores, son tres as categorías existentes en cada modalidade do certame. Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces de 14 a 18 anos e a terceira ás persoas de máis 18 anos. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 120 euros, 90 euros e 60 euros na primeira categoría, 150 euros, 120 euros e 90 euros na segunda e 210 euros, 150 euros e 120 euros na terceira.

Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 20 de abril de 2009 catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara e a dobre espazo ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avda de Azcárraga nº5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome e apelidos, idade, fotocopia do DNI, enderezo e número de teléfono) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. Este sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).

Na presentación do certame, que tivo lugar hoxe ás 12:00 horas, o concelleiro de Cultura e Deportes, Francisco Villaverde, falou da difusión que se lle pretende dar a esta VI edición e dos medios que se empregarán para logralo. "Este ano imos difundir o certame por toda Galicia, enviaranse as bases aos 315 concellos da comunidade, á Rede de bibliotecas de Galicia e a todos os centros de ensino da comarca". Ademais, engadiu que "haberá tamén unha importante difusión a través da rede, xa que se van colgar as bases do concurso en todas as páxinas literarias galegas e de fóra de Galicia".

O xurado do certame estará formado por tres membros de recoñecido prestixio dentro do mundo da cultura e por un secretario ou secretaria, con voz e sen voto, en representación do Concello de Ames. Un dos membros do xurado designarao a Asociación de Escritores en Lingua Galega e os outros dous serán designados polo propio Concello de Ames. A súa decisión anunciarase publicamente o venres 15 de maio de 2009 e os premios entregaranse o 17 de maio de 2009 nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames, en colaboración con Feiraco, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autor e compensando aos autores con 3 exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar a posteriori os textos en formato dixital, e se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame.

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo ao departamento de Normalización lingüística.

Novo certame para os nenos de primaria
Segundo o explicado hoxe polo concelleiro de Cultura na presentación da VI edición do Certame Literario Concello de Ames, estase organizando ademais un concurso paralelo dirixido aos nenos e nenas do 2º e 3º ciclo de primaria que xa se estivera intentando lanzar o ano pasado, pero finalmente non fora posible. Este ano, os nenos si contarán cunha oportunidade á súa altura. Neste certame haberá tamén tres premios por categoría e as bases completas co resto da información enviaranse en breves aos colexios do concello.

A temática deste certame escolar xirará nesta primeira edición arredor da lingua e das novas tecnoloxías.

A entrega de premios dos dous certames literarios terá lugar o 17 de maio de 2009, Día das Letras Galegas e tamén Día da Internet.

A nova noutros medios dixitais:

« Somos Ames



Imprimir | Enviar

© Concello de Ames