A festa celébrase o sábado 29 deste mes na área recreativa de Tapia
Xogos, obradoiros, cabezudos, poemas e cancións pecharán as Bibliopiscinas
[18/08/2009] Levan todo o verán xogando e pasándoo ben ao tempo que se achegan á lectura, e todo isto mentres se mergullan nas piscinas de Bertamiráns e O Milladoiro ou na Praia Fluvial de Tapia. Agora, todos os nenos e nenas amienses están invitados á festa de clausura das Bibliopiscinas 2009, que terá lugar o vindeiro 29 de agosto na área recreativa de Tapia. Como non podía ser doutro xeito, a xornada virá cargada de actividades lúdicas, para despedir o verán dun xeito inmellorable.
Libros, revistas, xornais, xogos e xoguetes, así como obradoiros e contacontos. Isto é o que a biblioteca municipal está desenvolvendo durante os meses de verán nas piscinas municipais do Milladoiro, Bertamiráns e na praia fluvial de Tapia. Con estas actividades preténdese animar aos máis novos á lectura dun xeito atractivo, interesante e divertido, xa que unha vez que os nenos e nenas descobren nos libros uns perfectos compañeiros de xogo e non algo ao que temer, é moito máis sinxelo que estes adquiran o costume de ler.
De cara a finais de mes os libros e actividades retornarán ás sedes das bibliotecas municipais. Mais non será sen antes despedirse por todo o alto ata o verán que vén. Por iso, o vindeiro sábado 29 de agosto terá lugar na área recreativa de Tapia a festa de clausura das Bibliopiscinas 2009, a partir das 17:00 horas. Como non podía ser doutro xeito logo de tantos días de xogos e diversión, as actividades lúdicas centrarán o festexo.
Entre as 17:00 h. e as 18:00 horas os protagonistas serán a chave, as combas, os balóns e mesmo os zancos, xa que os nenos e nenas asistentes poderán elixir entre varias opcións: xogos populares, xogos predeportivos ou obradoiros. Tamén deixarán bulir a súa creatividade na construción de papaventos, boliches e zoadeiras.
Tralos xogos e os obradoiros chegará a visita dos cabezudos
Zampón o Lambón e a
Dragona Ramona. O xigante Zampón, o devorador de palabras máis voraz de toda a contorna, e a súa mascota Ramona achéganse ás piscinas para compartir un día de festa. Trátase dunha pequena homenaxe aos artistas de rúa, que sobre todo agora nos meses de verán se encargan de deleitarnos coa súa arte ao tempo que alegran e fan moito máis interesante un paseo polas nosas cidade e vilas.
Ás 18:00 h. comezarán os contacontos con
A burromaquia, un espectáculo de narración oral da Compañía Fantoches, que combina contos, fábulas, poemas e cancións. Nestas historias o protagonista principal é o burro da Tía Lola, personaxe que popularizaron por toda Galicia os gaiteiros
Os Dezas de Moneixas no seu pasadobre
O burro da Tía Lola.
Os nenos e nenas deberán gardar aínda unhas poucas enerxías para demostrar o bo cantantes que son, xa que ás 19:00 horas
Os tres Tenedores presentan o seu espectáculo
Ensalada de Instrumentos. Tres Tenedores mesturan música, teatro, danza e, sobre todo, moito humor. Un espectáculo familiar, ideal para todas as idades.
Agosto rematará, pois, cunha xornada chea de emocións e diversión. Pero os rapaces que desexen continuar coas actividades lúdicas arredor da lectura non terán ningún problema, xa que a biblioteca municipal, tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, seguirá organizando actos durante todo o ano. En caso de que faga mal tempo a actividade trasladarase ao salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns.
A nova noutros medios dixitais:
« Somos Ames