A festa de clausura das bibliopiscinas congregou a máis de 150 persoas
As Bibliopiscinas recibiron este verán 600 persoas máis que en 2008
[09/09/2009] Aínda que o tempo este verán non axudou moito a que as persoas se animasen a dar un baño, as Bibliopiscinas conseguiron abrir un bo número de días. Os nenos e nenas amienses puideron gozar ao longo dos meses de xullo e agosto das diversas actividades ofertadas dentro deste programa de animación á lectura. Ler libros ao aire libre, xogar na compaña dos seus amigos e aprender cousas novas dun xeito divertido foron algunhas das cousas que puideron facer os preto de 8.300 participantes.
Cada ano son máis as persoas que gozan das actividades de verán postas en marcha pola Biblioteca Municipal de Ames a través das Bibliopiscinas. Neste 2009, en concreto, foron 8.377 as persoas que se achegaron ás Bibliopiscinas nos meses de xullo e agosto, o que supón un aumento de preto de 600 visitantes con respecto ás cifras do ano anterior, ano no que acudiran 7.770 persoas. A máis utilizada foi a da Praia Fluvial de Tapia, ata onde se achegaron case 5.000 persoas, seguida da piscina do Milladoiro con algo máis de 2.100 persoas e, por último, Bertamiráns con case 1.250.
Aínda que nas Bibliopiscinas tamén se poden atopar xornais e libros para os maiores, os nenos e nenas son os principais destinatarios deste programa. Así, este verán os cativos foron os visitantes maioritarios cuns 5.100 participantes, mentres que os adultos foron preto de 3.300. En canto a participación de xéneros, o feminino volve superar un ano máis o masculino. As nenas superaron os nenos en máis de 200 persoas. Entre homes e mulleres, esta diferenza é máis notable, pois participan 400 mulleres máis que homes.
No que se refire ás actividades organizadas polas Bibliopiscinas, foron preto de 700 os participantes, co que descende algo máis de 200 o número do 2008. A esta cifra hai que sumar tamén os asistentes á festa de despedida do programa, que se celebrou o pasado 31 de agosto na praia fluvial de Tapia, e á que asistiron máis de 150 persoas.
Entre as distintas actividades cabe salientar os contacontos. Un día á semana en cada unha das áreas de baño as animadoras á lectura narraban e dramatizaban varios libros relacionados coa temática escollida para eses días. Logo do contacontos, os nenos e nenas asistentes podían participar en diversos obradoiros, tamén centrados na temática elixida. A temática elixida para os contos foi moi variada. Nas contadas tivo presenza, entre outros temas, o mundo extraterrestre, a natureza, os superheroes, as viaxes a través do tempo...
A festa de clausura das Bibliopiscinas celebrouse a última fin de semana de agosto e nela contouse con xogos e obradoiros realizados pola empresa Xandobela, encargada de xestionar as Bibliopiscinas este ano. Ademais todos os asistentes puideron gozar coas actuacións de Burromaquia e co espectáculo teatral - musical dos Tres Tenedores.
A nova noutros medios dixitais:
« Somos Ames