Concello de Ames

Logotipo Concello de Ames

Menú [Saltar]


Haberá contacontos, obradoiros e excursións deseñados en función das idades
Haberá contacontos, obradoiros e excursións deseñados en función das idades

As bibliotecas municipais e a Aula da Natureza organizan novas actividades relacionadas co mar

[23/09/2009] En outubro comezan novas actividades de animación á lectura organizadas polas bibliotecas municipais de Ames. Para este próximo trimestre, toda a programación xirará en torno ao mundo do mar. Xunto ás sesións de contacontos dirixidas aos nenos e nenas maiores de 3 anos, haberá tamén obradoiros e excursións dirixidos a rapaces e rapazas de 3º, 4º, 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO e que estarán organizados conxuntamente coa Aula da Natureza. Todo encamiñado sempre a mostrar os libros como fonte de diversión e coñecemento.

Para os meses de outubro, novembro e decembro, as bibliotecas municipais de Ames programaron unha serie de actividades co fin de continuar fomentando a lectura entre os máis cativos, desenvolvendo contacontos, obradoiros e excursións adecuadas ás diferentes idades. Un mar de lecturas é o lema escollido para este ano onde as actividades xirarán en torno á temática do mar. Para a realización dos obradoiros e das visitas as bibliotecas contarán coa colaboración da Concellaría de Medio Ambiente a través da Aula da Natureza. Ademais como novidade, este ano ampliáronse as idades dos destinatarios co que haberá tres grupos de participantes: maiores de 3 anos, rapaces e rapazas de 3º, 4º e 5º de primaria e mozos e mozas de 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.

Contacontos
As xa habituais sesións de contacontos volven un ano máis para entreter aos máis cativos da casa ao mesmo tempo que estes se familiarizan cos libros. Os nenos e nenas maiores de 3 anos poderán gozar escoitando narracións sobre o fermoso mundo do mar que correrán a cargo das animadoras á lectura das bibliotecas e da súa mascota Lepi. Os contacontos comezarán o mércores 7 de outubro na biblioteca do Milladoiro e durante os tres meses desenvolveranse ademais nas localidades amienses de Bertamiráns, Aldea Nova, Bugallido e Augapesada. Todas as sesións programadas serán ás 18:00 horas.

Obradoiros
Outras das actividades organizadas polas bibliotecas municipais en colaboración coa Aula da Natureza para os tres próximos meses son os obradoiros. Haberá un dedicado á praia, que está dirixido a rapaces e rapazas de 3º, 4º e 5º de primaria. Esta actividade terá lugar o sábado 31 de outubro ás 11:30 horas na biblioteca do Milladoiro. Para poder participar neste obradoiro todos os rapaces interesados deberán inscribirse nas bibliotecas municipais ou na Concellaría de Medio Ambiente entre o 5 e o 23 de outubro.

O segundo obradoiro, denominado Candeas Mariñas, está destinado a mozos e mozas de 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO. Esta actividade desenvolverase o sábado 7 de novembro na biblioteca de Bertamiráns ás 11:30 horas. Todos os rapaces interesados neste obradoiro deberán inscribirse nas bibliotecas ou na Concellaría de Medio Ambiente entre o 19 de outubro e o 2 de novembro.

Excursións
Ademais dos obradoiros para os rapaces e rapaces de entre 3º de primaria e 2º da ESO as bibliotecas municipais e a Aula da Natureza tamén organizan dúas excursións relacionadas coa temática do mar. A actividade Enrólate: actividade de educación ambiental mariña levará aos rapaces de 3º, 4º e 5º de primaria ata o castelo de Santa Cruz de Oleiros o sábado 21 de novembro. Para poder participar os interesados deberán inscribirse nas bibliotecas ou na Concellaría de Medio Ambiente entre o 31 de outubro e o 3 de novembro.

Para os máis maiores tamén hai programada unha excursión. Neste caso visitarán, o 28 de novembro, o Acuario do Grove onde coñecerán numerosas especies mariñas. Para esta actividade tamén será preciso inscribirse nas bibliotecas ou na Concellaría de Medio Ambiente entre o 7 e o 23 de novembro. O custo para as dúas visitas será de 3 euros por persoa e, no caso de non chegar as prazas, terán prioridade os rapaces que asistiron aos obradoiros.

A nova noutros medios dixitais:

« Somos Ames



Imprimir | Enviar

© Concello de Ames