Cartel da campaña Movilízate pola selva
Ames participa nunha campaña de reciclaxe de móbiles para protexer os ecosistemas africanos
[09/10/2009] O Concello de Ames está colaborando co CEIDA e coa Obra Social Caixa Galicia nunha campaña desenvolvida polo Instituto Jane Goodall para a reciclaxe de móbiles. Deste xeito trátase de contribuír a reducir a demanda do mineral coltán que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas e que ocasiona numerosos problemas ambientais, sociais e económicos. Ames participa nesta campaña poñendo a disposición de toda a cidadanía varios puntos de recollida de móbiles.
Na actualidade, a taxa de reciclaxe de móbiles é inferior ao 5%. En España existen máis de 52 millóns de liñas de teléfonos móbiles. A este número hai que engadir aqueles móbiles máis antigos que se cambian e os cidadáns gardan ou tiran ao lixo. A explotación do mineral coltán que fai posible a tecnoloxía dos móbiles, ordenadores e consolas provoca numerosos conflitos bélicos que producen centos de miles de vítimas e refuxiados na República Democrática do Congo. Ademais a explotación mineira ilegal deste material utiliza man de obra semiescravizada, destruíndo tamén os hábitats de moitas especies africanas, coma os chimpancés e os gorilas, en grave perigo debido á caza furtiva e a deforestación.
Debido a iso o Instituto Jane Goodall está levando a cabo unha campaña denominada
Mobilízate pola Selva na que colaboran o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), a Obra Social Caixa Galicia, o parque natural de Cabárceno e o Concello de Ames, entre outros municipios. Con esta campaña preténdese a recuperación e reciclaxe de móbiles para así contribuír a reducir a demanda dos seus compoñentes e os problemas ambientais que ocasiona, reutilizar elementos útiles e tratar adecuadamente os materiais tóxicos e a recadar fondos para os programas de educación e conservación no Congo, como o seu Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga, dirixido pola veterinaria galega Rebeca Atencia.
O CEIDA colabora na divulgación desta proposta do Instituto Jane Goodall que ten como obxectivo motivar á cidadanía a realizar pequenas accións para a protección do medio, a partir das súas propias iniciativas. O Concello de Ames tamén quixo sumarse a esta iniciativa e a concelleira de Promoción Económica, Emprego, Turismo e Medio Ambiente, Úrsula Seijas, destacou "a enorme importancia da contribución persoal de cada un porque a suma de pequenas accións é necesaria e vital para acadar un mundo máis sostible. Polo tanto animo a todos os veciños e veciñas a participar nesta campaña para que depositen nos puntos de recollida todos aqueles móbiles que xa non empreguen".
Úrsula Seijas tamén manifestou que "é moi importante que os profesores e os educadores se impliquen para guiar e axudar aos mozos e mozas a contribuír co seu gran de area á preservación da súa biodiversidade, e tomar así conciencia da importancia do papel que cada un pode xogar no benestar do planeta".
Todo aquel que queira colaborar na protección dos ecosistemas africanos pode facelo achegando o seu móbil en desuso (en funcionamento ou non) ou recolléndoos entre amigos e familiares porque así contribuirá a reutilizar terminais e reducir a demanda dos seus compoñentes, a reutilizar elementos útiles e dispor adecuadamente de materiais tóxicos, evitando a contaminación do medio, e a recadar fondos para os programas de educación e conservación no Congo, como o Centro de Recuperación de Chimpancés de Tchimpounga. Alí cóidase a máis de 140 chimpancés que foron rescatados e realízanse programas de desenvolvemento sostible coa comunidade local.
Puntos de recollida de móbiles
O Concello de Ames pon a disposición de toda a cidadanía varios puntos de recollida de móbiles nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, nas Bibliotecas municipais, nas oficinas xerais do Milladoiro, na Casa do Concello e nos pavillóns polideportivos. Ademais dende a Concellaría de Medio Ambiente estase elaborando unha campaña informativa para que todos os veciños e veciñas de Ames depositen os seus móbiles antigos neste puntos de recollida e tamén se informará a todos os centros de ensino amienses. É importante que as persoas que queiran depositar móbiles saiban que teñen que facelo sen deixar o cargador nin a tarxeta SIM. Para máis información podes poñerte en contacto coa Aula da Natureza chamando ao número de teléfono 660 004 665 ou enviando un
correo electrónico.
Como agradecemento, o Instituto Jane Goodall sorteará mensualmente apadriñamentos de chimpancés entre as persoas que participen na campaña de xeito individual. Aqueles individuos, escolas, organizacións ou empresas que recollan 30 ou máis móbiles poderán solicitar unha recollida gratuíta a domicilio, chamando á Aula da Natureza ao 660 004 665. Neste caso regalarase o apadriñamento dun chimpancé por cada envío de 30 ou máis móbiles.
O programa de apadriñamentos denomínase Chimpamig@s e permite axudar na manutención e nos coidados veterinarios destes animais. Ao mesmo tempo a organización que apadriña a un chimpancé recibe unha foto do animal elixido e informes detallados dos seus progresos e novidades en Tchimpounga. As persoas que queiran participar neste sorteo deberán deixar o seu móbil nun sobre co nome, enderezo e teléfono de contacto.
Se algunha persoa de xeito individual quere enviar un ou dous móbiles pode descargar o impreso que está ao pé desta nova. Aí atoparás as instrucións para enviar os terminais a Fonebank.
« Somos Ames