Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Descúbrenos Poboación e economía


Poboación e economía

O número de habitantes do Concello de Ames aumenta ano tras ano. Actualmente no censo municipal hai 29.857 persoas censadas. Durante os últimos anos produciuse un incremento medio de 1.000 habitantes censados por ano.

Poboación

Habitantes de Ames Ames conságrase como un dos concellos máis novos da provincia de A Coruña, con máis da metade da súa poboación menor de 40 anos. O rango de idade máis numeroso corresponde entre os 20 e 39 anos, cunha cifra moi similar entre os 40 e 60 anos. A partir dos 61 anos a cifra descende. Deste xeito, o municipio amiense segue a ser un dos concellos que máis medra en toda Galicia, cunha porcentaxe de poboación nova moi alta. Nestes intres atópase ás portas dos 30.000 habitantes.

Na última década, o Concello de Ames ergueuse como o máis puxante de toda a comarca compostelá gañando 15.000 novos veciños dende 1996. No ano 1996 había censadas 13.288 persoas, das que 6.453 eran homes e 6.835 eran mulleres. Vendo estes datos e comparándoos cos actuais as diferenzas son significativas. Catro anos despois, no 2000, a poboación amiense xa era de 16.549 habitantes pero o incremento máis grande produciuse na última década chegando a case 28.000 cidadáns censados, cun incremento de preto de 12.000 persoas.

Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres) polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano.

Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas. En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006.

Segundo figura na base de datos do Concello a 31/12/2010 o censo municipal ascendía a 28.857 habitantes. Este incrible aumento confirma que Ames é un dos municipios máis atractivos por varias razóns: a oferta de vivenda nova e de calidade a bo prezo, ser un importante núcleo de puxanza económica e os servizos municipais orientados á mellora na calidade de vida. Son moitas das características que fan de Ames un perfecto destino para comezar a construír unha nova vida familiar.

Evolución do número de habitantes

Gráfica evolución do número de habitantes

Datos económicos

Polígono de Ames Ames conta con 1.000 microempresas, 40 pequenas e medianas empresas con menos de 250 asalariados e arredor de 1.000 establecementos.

Un terzo da poboación dedícase a actividades do sector servizos. Ames conta con 1.000 microempresas, 40 pequenas e medianas empresas con menos de 250 asalariados e arredor de 1.000 establecementos.

En canto á clasificación por condición xurídica, arredor de 700 empresas están creadas por persoas físicas, 300 son sociedades limitadas e, en menor medida, existen algunhas sociedades anónimas e cooperativas. Case 900 empresas dedícanse ao sector servizos, preto dun cento á construción e outras tantas á industria. Existen 218 establecementos comerciais cunha superficie media de venda de 83 metros cadrados e 229 explotacións bovinas con 1.600 cabezas de gando.

Por estrato de asalariados, hai máis dun milleiro de microempresas, 40 pequenas e medianas empresas (de 10 a 249 traballadores), unha entidade cun cadro de persoal superior aos 250 empregados e preto de 1.000 establecementos.

Os datos de ocupación dos habitantes por sectores sinalan que case 200 se dedican á agricultura, 20 á pesca, preto de 1.000 á industria, 1.000 á construción e máis de 6.000 ao sector servizos.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925