Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Un total de 33...


Un total de 33 persoas asisten as clases da Escola Municipal de Adultos para obter o título da ESO

[07-03-2013] A Escola Municipal de Adultos de Ames segue impartindo as clases de apoio para a obtención do graduado en Educación Secundaria, unha vez superados os exames de final de cuadrimestre cuns resultados moi satisfactorios. No mes de outubro comezou un novo curso deste servizo municipal, que ofrece formación para obter o título de ensino secundario a todas aquelas persoas que teñen máis de 18 anos. Durante este curso son 33 as persoas que acoden as clases da Escola municipal de Adultos que se imparten catro días á semana, en horario de 18:00 h. a 21:00 horas, nunha aula do Centro de Formación e Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova.

A Escola municipal de adultos axúdalles ás persoas maiores de 18 anos do concello a obter o título de educación secundaria preparando os exames necesarios. As clases deste servizo, que está impulsado pola Concellaría de Educación, son impartidas por unha técnica municipal do departamento de Educación. Neste momento son 33 os alumnos e alumnas matriculados, que ou ben mediante os diversos módulos que conteñen toda a materia necesaria para superar a ESO ou ben preparando directamente o exame libre de xuño, tentarán obter o título de educación secundaria.

Durante o mes de xaneiro, uns 23 alumnos/as presentáronse aos exames de final de cuadrimestre cuns resultados moi satisfactorios. O alumnado examinouse dos módulos I e III. Ademais, unha alumna do último curso, que tiña pendente o módulo IV, aprobou os exames correspondentes a este módulo e obtivo o título da ESO.

Por outra banda, a 6 alumnos/as quedoulle pendente algún dos ámbitos aos que se presentou neses exames parciais. Este alumnado ten un exame extraordinario os días 11 e 12 de marzo para aprobar eses ámbitos que teñen pendentes. Se aproban estes exames poderán matricularse no seguinte ámbito. Paralelamente seguen preparando o primeiro exame parcial do segundo cuadrimestre, correspondente aos módulos II e IV, que se realizarán no mes de abril. Os exames finais serán no mes de xullo.

Valórase o perfil de cada alumno/a
As clases impártense nunha aula do Centro de Servizos Múltiples do Concello en Aldea Nova ao longo da semana laboral, de luns a xoves en horario de 18:00 h. a 21:00 horas. Á hora de organizar os cursos académicos, tense en conta o perfil de cada alumno/a e valóranse factores que van desde a idade á formación inicial, dispoñibilidade persoal de asistencia ou a procedencia da persoa. Existe, ademais, un servizo de titoría clave á hora de preparar as probas finais.

O curso está dividido en dous cuadrimestres, e dentro destes hai catro módulos equivalentes aos catro cursos que conforman a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). Cada un dos módulos inclúe Comunicación (galego, castelán, terceiro idioma), Sociais e Científico-tecnolóxico. Unha boa mostra do éxito deste servizo é o número de aprobados que se producen todos os anos. Durante o curso 2011-2012 un total de 35 persoas participaron nesta escola, dos cales o 50% obtivo o título de ensino secundario.

A matrícula está aberta todo o ano
A Escola municipal de adultos non esixe asistencia obrigatoria, e esta queda función das posibilidades de cada quen, xa que hai alumnado que compatibiliza un emprego coa formación. A matrícula permanece aberta ao longo do ano, polo tanto poden apuntarse aquelas persoas que só desexen realizar o exame final en xuño no IES San Clemente de Santiago de Compostela, malia que é recomendable a asistencia ás aulas desde o comezo do curso para ter maiores garantías de aprobar.

Todos os veciños e todas as veciñas de Ames maiores de 18 anos que desexen obter o Título de Graduado en Educación Secundaria, poden matricularse para este curso 2012-2013 no departamento de Educación, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, e nas Oficinas Municipais do Milladoiro, na rúa de Abaixo, número 10. Ante calquera dúbida poden chamar ao departamento de Educación a través do número de teléfono 981 891 476.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925