
[http://www.concellodeames.org]
[19-06-2013] O campo municipal de Bertamiráns acolleu este pasado luns, 17 de xuño, pola tarde a final de Copa do II Torneo de Veteranos de Fútbol 7, que puxo o broche final á competición de veteranos que se desenvolveu ao longo da presente tempada. Este evento estivo organizado polo Bertamiráns FC en colaboración co Concello de Ames. O segundo Torneo de Veteranos de Fútbol 7 desenvolveuse todos os luns no campo municipal de Bertamiráns.
[19-06-2013] O Centro Ecuestre Val da Mahía, en colaboración co Concello de Ames, Xardíns Barcia e IMAXSON, organizaron para este sábado, 22 de xuño, o VI Concurso de Saltos Val da Mahía, que se desenvolverá no paseo fluvial de Bertamiráns. Este evento organízase en favor de Cáritas Parroquial San Juan de Ortoño. O concurso comezará ás 11:00 h coa primeira proba e rematará arredor das 19:00 horas. Haberá cinco probas ao longo de todo o día. Os ganadores de cada unha das probas recibirá un premio. Ademais, ás 14:30 horas haberá unha exhibición de doma de alta escola a cargo da Asociación Pura Raza Cabalo Galego. A entrada será libre e gratuíta.
[18-06-2013] Este luns, 17 de xuño, realizouse o acto de clausura do seminario de viticultura, que se desenvolveu dende o pasado mes de outubro na aula de usos múltiples da Casa da Cultura do Milladoiro. A concelleira de Voluntariado e Maiores, María Carmen Verde, e o concelleiro de Obras e Urbanismo, Alfredo Taboada, foron os encargados de entregar os diplomas. Nesta actividade participaron un total de 29 persoas que aprenderon máis polo miúdo as técnicas do cultivo e explotación das vides. Esta actividade foi impartida polos profesores Emilio de Vicente Nogueira e Teodoro García Rivero, que colleron o relevo de Manuel Oitavén Garrido (profesor voluntario creador deste seminario no ano 2003).
[18-06-2013] O Concello de Ames redobra esforzos e intensifica os traballos de limpeza e desbroce nas cunetas e pistas asfaltadas do municipio a través do tractor municipal, que está funcionando a dobre quenda entre os meses de xuño e outubro. O tractor municipal, dotado dun brazo-desbrozadora, está traballando desde o mes de xuño ata outubro a dobre turno, de mañá e tarde, tendo en conta as necesidades que presenta cada zona. No día de hoxe, estase acometendo a limpeza de pistas e cunetas asfaltadas que discorren entre Capeáns e O Lombao, na zona de Covas.
[18-06-2013] A concellaría de Voluntariado e Maiores, a través da Oficina de Voluntariado de Ames, organizou unha excursión para asistir á xuntanza da terceira idade que terá lugar o próximo sábado 22 de xuño. Todas as persoas que desexen asistir a esta xuntanza poderán pasar unha xornada coñecendo o Carballiño, participar en obradoiros e xogos populares, gozar da actuación de grandes orquestras, así como desgustar unha saborosa comida. O custe da comida correrá a cargo de cada persoa que participe nesta excursión. Ademais haberá que pagar 6 euros para sufragar os gastos de desprazamento en autobús. A inscrición pódese realizar chamando ao número de teléfono 662 377 044 pertencente á Oficina de Voluntariado de Ames, en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Aviso legal | Accesibilidade | RSS
© Concello de Ames