Alcaldía
Como resultado das eleccións municipais de maio de 2007 constituiuse un novo goberno municipal no Concello de Ames que está presidido desde o 16 de xuño dese mesmo ano por Carlos Antonio Fernández Castro.
Carlos Antonio Fernández Castro
Nado en Santiago, o 9 de xullo de 1956, vive en Ames desde 1986. Titulado en Relacións Laborais, administrador de fincas, mestre industrial deliñante e máster en dirección e organización de empresas, ocupou diversos cargos de dirección en empresas relacionadas co urbanismo, a construción e as obras públicas.
Foi membro da etapa fundacional do Consello Galego de Relacións Laborais. No sindicato UGT desempeñou os cargos de Secretario Xeral Comarcal, Secretario de Organización de UGT Galicia, Secretario da Comisión de Conflitos, membro do Comité Nacional e Confederal, membro da Federación Galega do Metal, entre outros. Así mesmo, foi membro da Fundación Largo Caballero, delegado en Galicia de actividades de formación para cadros e representantes sindicais, así como, membro do Comité Nacional do PSdeG-PSOE.
De 1983 a 1987 foi tenente alcalde en Santiago, desempeñando, ao mesmo tempo, o cargo de concelleiro-delegado de Persoal, de Reforma Administrativa, de Seguridade Cidadá e Tráfico, e de Normalización Lingüística.
De 1983 a 1990 foi deputado na Deputación Provincial da Coruña e xa, desde 1987, foi concelleiro en Ames, exercendo como candidato á alcaldía e voceiro do Grupo Municipal Socialista até o seu nomeamento como alcalde en 2003. En 2007, Carlos Fernández foi reelixido logo de que o PSdeG-PSOE se convertese na forza política máis votada aínda que sen obter maioría absoluta.
Na súa calidade de alcalde de Ames, Fernández tamén asumiu en novembro de 2007 a presidencia da Fegamp, a Federación Galega de Municipios e Provincias.
Gabinete da Alcaldía
Xefa do Gabinete da Alcaldía: Marisa Miramontes Otero
O Gabinete da Alcaldía asiste administrativamente ao alcalde no desempeño das súas funcións, coordina as súas actuacións coas das Concellarías, e organiza e canaliza a información cara aos distintos servizos municipais para atender as demandas dos cidadáns. Adicionalmente ocúpase do protocolo e organización dos actos institucionais do Concello.