Actualidad
O Concello de Ames colabora na organización da segunda edición da cea solidaria Obra Social Pediatría & Concello de Ames, un evento que se realizará o vindeiro 14 de xuño, ás 20.30 hora, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, co obxectivo de recadar fondos para contribuír á investigación sanitaria e ao incremento da calidade asistencial dos pacientes pediátricos do CHUS. O evento está organizado pola Xuntanza de Empresarios de Ames, Obra Social Pediatría e Albarín Catering e eventos. Contarase coa actuación de DJ Dani e María Iglesias, gañadora do concurso Canta con Ames 2022. Premendo nesta ligazón podes acceder ao formulario que hai que cubrir para mercar as entradas da cea e á información da Fila Cero por se queres realizar un donativo. Para obter máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 641 11 60 05.
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e Innovación, elaborou un vídeo resumen da presentación feita na sede central de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), por parte do alumnado de cuarto de primaria do CEIP de Barouta, sobre a aplicación da tecnoloxía e a intelixencia artificial no sector gandeiro. Esta iniciativa, que desenvolveron entre todos como traballo de aula, busca facilitar o traballo dos gandeiros e gandeiras ofrecendo información meteorolóxica en tempo real que lles permita mellorar o rendemento das explotacións. Durante a presentación o alumnado estivo acompañado de persoal do centro de ensino, así como do alcalde de Ames e das concelleiras de Promoción Económica e Educación. O obxectivo é dar a coñecer esta iniciativa na Red Innpulso.
A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este mércores, 15 de maio, coa presentación da novela “Finximentos”, de Mariña Pérez Rei. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:30 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. A entrada será libre ata completar aforo. Tamén asistirá Fran Alonso, director de Xerais.
A unidade móbil de doazón de sangue estará o martes 14 de maio en Bertamiráns, na praza de Chavián (xunto á zona de carga e descarga da avenida da Maía). O horario de atención será de 9:30 a 14:30 horas e de 15:30 a 21:00 horas. Actualmente, a unidade traballa cun protocolo que garante a seguridade do persoal sanitario e das persoas doantes. Ademais, disponse dun teléfono gratuíto para consultar as dúbidas sobre a doazón, o número 900 100 828.
O campo da festa de Bugallido acolleu este sábado, 11 de maio, a segunda edición da Feira do Pan e do Cereal, para poñer en valor un produto esencial na gastronomía, na tradición e na cultura galega, a través de exposicións, charlas, obradoiros e degustacións. A través desta feira búscase animar ás persoas do rural a recuperar o cultivo das terras agrarias con cereais autóctonos como o trigo, centeo ou a cebada; cultivos que noutros momentos quedaron relegados e que agora teñen unha grande oportunidade de triunfar da man da recuperación e valoración do pan tradicional. As charlas e os obradoiros foron de balde e con entrada libre ata completar aforo. Houbo unha gran afluencia de público durante toda a xornada. Os obradoiros e mesas redondas tamén rexistraron unha boa participación. Pódese acceder á galería da feira premendo nesta ligazón.
A Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, dentro do programa municipal de Andainas Saudables, organiza un percorrido pola sexta etapa do Camiño de Santiago dende o Barbanza, “A orixe”. A ruta realizarase o vindeiro sábado, 18 de maio. Os participantes camiñarán arredor de 15 quilómetros, partindo desde a igrexa de San Vicente de Cespón e chegando ata a igrexa de Santa María de Leiro, situada en Rianxo. Os interesados en participar poden inscribirse cubrindo este formulario ata o mércores, día 15. Haberá servizo de autobuses con saída dende a praza do Concello, en Bertamiráns, ás 9:00 horas; e dende a Casa da Cultura do Milladoiro ás 9:15 horas.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Ames aprobou o pasado 2 de maio de 2024 as bases da convocatoria de axudas para a promoción de actividades realizadas polas ANPAS dos centros educativos amesáns ao longo do exercicio 2024. A contía máxima desta liña de axudas ascende a 20.000 euros. As solicitudes para participar nesta convocatoria poderán presentarse ata o 10 de xuño. O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar o 80% do proxecto subvencionable nin o límite máximo establecido segundo a categoría que corresponda ao centro ao que pertence a ANPA. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases desta liña de axudas.
A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice. Esta actividade impartirase o sábado, 11 de maio, en horario de 11:00 a 13:00 horas. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón.
Un total de doce nenos e nenas do club Ames Xadrez participaron no torneo provincial por equipos infantís celebrado o pasado sábado en Santiago de Compostela. Os rapaces puideron gozar dunha xornada na que compartiron experiencias e divertimento con outros xogadores, intercambiando ademais os seus coñecementos. Os equipos de sub10 e sub 12 conseguiron o ouro, e o equipo sub14 a prata.
Este sábado, 11 de maio, a Coral Polifónica de Bugallido desprazarase ata a localidade portuguesa de Maia, preto de Porto, para participar nun concerto de agrupacións corais organizado polo Conservatorio de Música desa cidade.
- 1 de 1292
- siguiente ›